Thursday 09 de May de 2024

A Xunta destaca o alto valor paisaxísitico que converte o xeodestino Ferrol-Rías Altas nunha oferta única e diferenciada


O ‘turismo slow’, a paisaxe costeira, o Parque Natural Fragas do Eume, o Camiño Inglés e o de Santo André de Teixido están entre os recursos máis destacados

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou o balance das accións de promoción do destino turístico Ferrolterra-Rías Altas, realizadas ao longo de 2017, en representación de Turismo de Galicia e convidado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

Rodeiro sinalou que “a Xunta de Galicia lidera, a través de Turismo de Galicia, o desenvolvemento turístico da nosa comunidade, para impulsar este sector e facer que cada vez teña máis importancia na nosa economía e na nosa sociedade”. O delegado agradeceu a “inestimable colaboración dos concellos, máis tamén debemos incidir no apoio e no compromiso das asociación e organizacións do sector turístico, dos profesionais e empresas do sector, e coa implicación do tecido social que estrutura o noso territorio

A Xunta de Galicia aprobou e puxo en marcha a nova Estratexia do Turismo de Galicia, que ten como obxectivo “consolidar en 2020 a nosa comunidade como un destino turístico competitivo, sustentable e diferenciado a nivel global”, manifestou. Esta folla de ruta do turismo galego, que contará cun investimento de máis de 240 millóns de euros, aposta pola fortaleza e a competitividade do Destino Galicia. Rodeiro explicou que “o Plan establece entre os seus obxectivos “incrementar o número de turistas nun 21%, ata superar o os seis millóns de visitantes en 2020”. O Plan avanza máis de 350 propostas para potenciar a dimensión turística dos Xeodestinos.

A Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol e Xunta de Galicia teñen asinado un convenio para a promoción e o desenvolvemento do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, “cunha programación de actividades relacionadas coa dinamización e o fomento do turismo na comarca como destino turístico nacional e internacional”. O ano pasado este destino presentou una evolución positiva, “en liña co bo comportamento que tamén tiveron as cifras do sector turístico na totalidade da nosa Comunidade, que acadaron un total de 4,9 millóns de visitantes”, indicou.

Ovidio Rodeiro destacou as paraxes de alto valor natural e paisaxístico que o converten a Ferrolterra-Rías Altas nun destino único e diferenciado, en particular, a Costa Ártabra, o parque natural Fragas do Eume e o lugar de Xubia-Castro, ademais de ser un dos puntos de partida do Camiño Inglés en Galicia e un referente no eido do turismo industrial. No convenio anual que fai posible este aproveitamento plásmense os compromisos das diferentes administracións e se recolle un investimento de 75.000 euros, dos que Turismo de Galicia achega o 80%.

Entre as actuacións planificadas no pasado ano, Ovidio Rodeiro mencionou a promoción do destino turístico tanto en internet como en soportes físicos, feiras ou espazos de grande afluencia; a difusión e comercialización do “turismo slow”, para que se amplíe a todas as empresas potencialmente interesadas e medre o coñecemento entre viaxeiros interesados; o impulso ao produto Costa das Ondas desenvolvendo actuacións como as destinadas a promocionar os produtos turísticos ligados ao surf, ou o destino Camiños da Peregrinación, aproveitando as singularidades que teñen o Camiño Inglés e o Camiño a San Andrés de Teixido.

“Unha das experiencias máis impresionantes deste destino é a interpretación da paisaxe costeira, un Espazo Natural Protexido case na súa totalidade”, manifestou o delegado. “Queremos ofrecer unha perspectiva distinta dela, no só desde terra senón tamén desde o mar, coa vista nos turistas náuticos, cruceiristas e viaxeiros que puntualmente realizan rutas en barco”. Ovidio Rodeiro rematou lembrando que “a colaboración entre administracións, sitúanos no camiño axeitado para aproveitar e fortalecer a marca turística Ferrolterra como parte esencial do destino Galicia”.